Continuando co proxectoVIÑETAS DENDE SADA, todo o alumnado deseñamos a nosa superheroína de cómic e dotámola de superpoderes fantásticos.
Lecturitas quere felicitarvos a todos e todas por facelo tan ben. Pero agora temos unha nova misión; temos que elixir a nosa superheroína favorita entre as dezaseis finalistas seleccionadas.
Teredes que visitar o mural nas escaleiras do cole e votar pola que máis vos guste. É unha misión moi importante porque as máis votadas terán un papel fundamental no cole proximamente.
Cal será ese papel? Axiña vos seguiremos contando...
Lecturitas atópase moi emocionado porque xa temos listo o mural cos cómics da nosa vida, unha liña do tempo na que podemos ver os cómics que lía gran parte da nosa comunidade educativa.
Moitísimas grazas ás familias e aos mestres por compartir connosco cales eran os seus cómics preferidos cando eran cativos!
E non vos esquezades de visitar este mural tan especial, no que atoparedes cómics de diferentes temáticas que seguro que vos encantan.
Ademais poderedes descubrir cales lían Andrés, a "teacher" Teresa e outros profes do cole, así como moitos dos vosos familiares.