lunes, 30 de marzo de 2020

Lecturas gratuitas online

Como sabedes, é moi importante dedicarlle todos os días un tempo á lectura. Para axudarvos na selección dos vosos libros, dende a biblioteca do cole propoñémosvos unha pequena selección de lecturas para facer nestes días. Facendo clic nas imaxes poderedes acceder aos libros.

Los pollitos van al colegio: (3-6 anos).Seis simpáticos pitos protagonizan estas historias cheas de humor, onde as travesuras están aseguradas e parece que meterse en leas é inevitable.


Feliz Feroz: O lobiño riquiño: (A partir de 6 anos) A irmá de Lobo Feroz está moi preocupada porque o seu fillo non é feroz: é boísimo. Feroz dille que o mande uns días para a súa casa, que xa se encarga el de convertelo nun lobo de verdade. Lobiño visita o seu tío e tenta facer o que lle pide: cazar coellos, asustar a Carapuchiña, comer os tres porquiños... Pero nunca o fai ben: comparte unha ensalada cos coellos, faise amigo de Carapuchiña e ponse a xogar cos tres porquiños. Este lobiño é un desastre


Fred Quincalla, o nómade do mar: (A partir de 8 anos) Esta é unha das moitas historias de Leopolda Diéguez, fascinante narradora e facedora de artes máxicas. Viaxeira por curiosidade e necesidade, un día Leopolda deu co Gran Gogol, un cociñeiro aprendiz de violinista e fuxitivo da inxustiza. Desde entón os dous viaxan xuntos no barco de Leopolda, dando espectáculos musicais en cada lugar ao que chegan e disfrazados para pasaren inadvertidos. Non é para menos: un rei e mais unha duquesa andan tras deles.


Vaia tropa!: (A partir de 9 anos) Vaia tropa! é un libro de poesía do absurdo, do sen sentido, e está pensado para ser lido de formas diversas. Hai poemas que terás que ler de esguello e noutros precisas usar un espello e así poder ler do verso o reflexo. Como non era cousa de poñer só letras alguén debuxou algunhas caretas. E como os debuxos están contrafeitos usarás o espello para velos con xeito. Ao final do libro convidámoste a que inventes algún compañeiro para toda esta xente. Trátase, xa que logo, dun libro xogo, no que a sorpresa da lectura e das ilustracións conforman un conxunto que non pasará desapercibido ao lector.

No hay comentarios:

Publicar un comentario